Despois de máis de dous anos falando de facer unha estación de montaña na serra de Trevinca, pode ser útil de botarmos unha ollada atrás para avaliar o camiño percorrido, e voltar a cabeza para adiante e ver o que aínda nos queda por percorrer.
“Este vaise i aquel vaise / e todos, todos se van / Galicia, sin homes quedas / que te poidan traballar”. Cando Rosalía escrebeu Follas Novas aló polo 1880, o concello d’A Veiga tiña uns 7000 habitantes. No ano 1981 a povoación veiguesa caira ata 3513 persoas. No ano 2004 quedaban só 1318 almas. Nas aldeas d’A Veiga hai casas en ruinas e caindo a cachos porque hai anos que ninguén vive nelas. A media da idade da xente que queda é pensionista. Non hai relevo xeracional. Cando morran os que quedan, acabouse.
A situación é urxente e n’A Veiga estanse a buscar solucións. A solución vese na industria do turismo de alta montaña, porque iso é o que ten A Veiga –alta montaña- e porque hai centos de exemplos no mundo onde esta actividade significa calidade de vida. Esta solución conta co aopio doutros concellos valdeorreses, asociacións, e, o máis importante de todo, da maioría dos habitantes que quedan vivindo eiquí, desa xente que toda a súa vida traballou e viviu da montaña.
Todos concordan en que a estación de montaña vai salvar económica e demográficamente esas aldeas. E abofé que así é. Estamos a falar dun número de empregos indirectos e directos que é vital para a zona, de nova xente que vai vir traballar e vivir eiquí, de xente que vai deixar o seu salario nas parroquias de eiquí, de turistas que van pasar polos negocios de eiquí, panadería, casa rural, ultramarinos ou gasoliñeira. Estamos a falar de que onde hai xente é posible manter servizos como un médico, banco, escola ou oficina de correos. Estamos a falar de desenvolvimento local, de criar oportunidades para que ninguén teña que marchar a Vigo, Madrid ou Canarias.
Máis xenéricamente, tamén estamos a falar de endireitar unha industria galega: a industria galega de turismo de montaña. Lembren que na Galicia dos anos 70 o país espertou con dúas estacións: unha frente a Trevinca, na Fonte da Cova, e outra na serra da Queixa, en Manzaneda. A primeira terminou vandalizada e abandoada, e a segunda, con graves defectos na súa estrutura de explotación, tivo que ser salvada pola
Xunta. Este asunto, que non se planeou ben no seu día, segue ainda hoxe pendente de solución. Se falamos de que nós temos o leite e outros envásano e fan manteiga, que nós temos os encoros e outros tein a sede social e cobran a luz, falemos tamén de que nós temos aos nosos esquiadores marchando a Castela-León porque eiquí non hai instalacións axeitadas. Falemos dunha industria de calidade que move moito diñeiro e que no noso país está subdesenvolvida, por baixo do seu potencial real.
Se lles estou a contar que unha estación de turismo de montaña na serra de Trevinca está xustificada é porque así o creo, mais eu non lles son porfiador incondicional a prol duns ou doutros. O leitor concordará conmigo en que, igual que Suiza ou Andorra non son países de mar especialistas en pesca e construcción naval, en Galicia non che estamos moi especializados en asuntos alpinos. Porén, chisquen un ollo cando lles falen en contra ou a prol do turismo invernal galego porque non sempre abondan boas intencións para poder dar no cravo.
Os nosos viciños lusitanos tein unha estación de esquí, Serra da Estrela, que por certo, está dentro dun parque natural. Ainda que a estación é pequena, cando eles a fixeron o primeiro que amañaron foi chamar a expertos de La Mongie, daquela a mellor estación dos pirineus, para que lles dixeran cómo a tiñan que facer.
Eiquí o que se fixo coa Trevinca d’A Veiga foi encargarlle un estudo á
Consellería de Familia da
Xunta –con todo o meu respeito, comprendan a miña incredulidade ao perguntarme qué técnicos especializados no sector de estacións de esquí tería a
Consellería de Familia, sobre todo cando a proposta saínte falaba de botar 58 millóns de euros a edificar no máis alto da serra, a asfaltar unha estrada de acceso público e un macro-aparcadoiro arriba de todo, e a chantar remontes sobre o mesmo pico de Pena Trevinca, traéndonos por riba un déficit anual de explotación de 700.000 euros. Como este estudo non tiña xeito ningún, encargóuselle un novo á Deputación de Ourense, que rebaixou o orzamento ata 37 millóns, e rebaixou o impacto ambiental admitindo que a zona residencial tiña que estar abaixo, nas aldeas, e non no curuto da montaña. Logo chegou outro cálculo máis feito pola Asociación de Empresarios d’A Veiga, que retocou o da Deputación e reduciu o coste a 31 millóns. Este último estudo significou outro paso adiante, unha mellora do proxecto en termos medioambientais e de viabilidade, mais seguiu a repetir o mesmo erro dos dous predecesores: querer asfaltar o alto da montaña cunha estrada e parking, e chantar remontes sobre o pico de Pena Trevinca.
Se dunha banda aparece unha proposta con defectos, é normal que apareza unha reacción aos defectos da proposta. Agora ben, se lles dixen antes que a proposta actual é imperfecta e mellorable, é de xustiza que tamén lles diga que moitos dos argumentos citados contra a imperfección desa proposta son tamén total ou parcialmente incorrectos:
- “Que a estacion vai destruir a serra de Trevinca” ou “Que a estación non é compatible cun espazo natural”: O negocio das estacións de montaña baséase na existencia de atractivos naturais. En vender natureza. Se non tes natureza que vender, non tes negocio, é unha lóxica bastante simples. Collan os centos de estacións por todo o mundo que están integradas dentro de cadanseu parque natural ou nacional e demóstrennos por qué non podemos facer en Galicia o que se está a facer no resto do mundo.
– “Que non hai neve en Trevinca”: É demagoxia dicir que o nivel de neve das montañas do noroeste da península ibérica non serve no caso de Trevinca (2100m) mais si que lles serve aos outros para que abran Pajares (1800m), San Isidro (2100m), Alto Campóo (2100m), Leitariegos (1800m), Serra da Estrela (1900m) ou Morredeiro (1900m). Collan os dados da estación meteorolóxica de Veiga do Conde, detrás de Trevinca, e collan os sistemas actuais de tecnoloxía de producción e conservación de neve, e demóstrennos por qué non podemos ter en Galicia o que tein outras montañas de características similares a Trevinca no resto do mundo.
- “Que non hai suficente xente para dúas estacións galegas”: Escocia ten 5 estacións. Eslovenia ten máis de 20. Franza ten arredor de 300. A provincia de León ten San Isidro, Leitariegos, Morredeiro, e proxectos para San Glorio e La Cabrera. Fagan matemáticas e demóstrenme que Galicia e Norte Portugal con 6 millóns de persoas non tein mercado dabondo como para encher tres estacións galegas: Pena Trevinca, Manzaneda e Fonte da Cova.
- “Que Trevinca vai ser un fracaso económico como Manzaneda”: É demagoxia pór na mesma saca dúas empresas diferentes. Rodman non é Navantia, ainda que as dúas construan barcos. O bar da esquina non é La Iguana Club, ainda que os dous vendan alcool, e Manzaneda non é Trevinca nen San Isidro ainda que as tres se adiquen ao turismo de montaña. Manzaneda é unha empresa mal organizada. Os problemas de Manzaneda son os de Manzaneda, non os de Trevinca. Collan as ducias de estacións que hai por todo o mundo de características similares a Trevinca que están a funcionar perfectamente e demóstrennos por qué non podemos ter en Galicia unha boa estación que sexa o orgullo do país.
- Finalmente, lémbrolle aos leitores que se acorden de ler a letra pequena cando escoiten a cantinela do “Trevinca No”, porque se cadra é un “Trevinca No (pero si)”. Antes tiñamos o coro dos que cantaban que para que Manzaneda sobrevivira era necesario cortarlle os pés a Trevinca. Agora seica está a xurdir un novo fanclub localista que canta que para botar adiante Fonte da Cova é necesario afundirlle a cabeza a Pena Trevinca. Amodo. Que cada un traballe no seu e deixe traballar aos demáis que en Galicia temos mercado para tres.
E mentres que nós andamos a discutir sobre isto, seguimos a ter milleiros de esquiadores galegos e do norte de Portugal emigrando en busca dun esquí decente, deixando os seus cartos en León, Santander, Huesca ou Andorra. Na estación dos nosos amigos bercianos do Morredeiro, a carón de Trevinca, calculan que un 40% dos seus clientes son galegos. Igual que San Isidro e Leitariegos, a estación ponferradina segue a traballar na súa expansión, planeando novos remontes e novos servizos, co obxectivo de ser un centro turístico de referencia do noroeste español. Tamén na outra parte de Trevinca, o Ayuntamiento de Galende leva desde 2001 sumando apoios de alcaldes e empresarios da comarca, Junta de Castilla y León e Diputación de Zamora, incluido, por certo, un estudo feito en 1998 por un catedrático experto en climatoloxía que demostrou que na serra hai neve a esgalla. Ou sexa, que como dixo Arsenio, non se esquezan que “O contrario tamén xoga”.
Nós por eiquí imos amodo, mais imos progresando. Logo daquel estudo da
Consellería de Familia publiquei en www.Trevinca.info que esa solución non era nen ecolóxica nen económicamente satisfactoria. Anunciei que para que o proxecto saíra adiante había que baixar o núcleo residencial ata as aldeas do val do Xares. Ter a base da estación no val permite aforrar recursos aproveitando as existentes infraestruturas de saneamento, auga, electricidade e comunicacións; evita o impacto ecolóxico de intervencións en ecosistemas de altitude; e integra a vida económica da estación no seu entorno, rehabilitando vellas vivendas deshabitadas ou en ruinas, ou tendo ao pé da casa servizos como un bar onde poder tomar algo ou un médico da estación. Como ocorre noutras estacións de tamaño similar en Europa, Trevinca non sería simplemente unha estación invernal, senón unha aldea que está viva todo o ano, que atrae traballo e xente nova, e que pode soster servizos como unha piscina, un supermercado, conexións de autocar, etc. Ben, grazas a Breogán xa se abandonou a idea de edificar “à la Sanxenxo” no alto da montaña e o concello d’A Veiga concorda finalmente de que esa non é a vía a seguir. Velaquí un paso adiante.
Cando publiquei www.Trevinca.info anunciei que había que criar un parque natural –eu apostaría mellor por un parque nacional- para complementar o proxecto da estación. A estación necesita estar nun parque natural para atraer máis xente e o parque natural necesita unha estación para non quedar reducida a unha reserva de pensionistas. Nos últimos meses xa escoitamos aos empresarios d’A Veiga estar dacordo con isto. Velaquí outro paso adiante.
O momento histórico é bon. Existe unha vontade de facer madurar a industria galega de turismo de montaña. O conselleiro de Medio Ambiente anuncióu recentemente una reestruturación de Manzaneda co fin de darlle unha “viabilidade clara”. Adiante. O problema de Manzaneda non é só de irregularidade da neve, é máis complexo e vai desde a propria organización de recursos ata a cultura da empresa. Tamén é unha magnífica noticia a recente apertura das novas instalacións de Fonte da Cova. Pouca xente se deu conta que Galicia volve a ter oficialmente un xérmolo de segunda estación de esquí. Adiante Manzaneda, adiante Fonte da Cova, e agora adiante con Pena Trevinca.
En resumo: pouco a pouco a cousa vai tirando para adiante, mais ainda faltan algúns pontos a mellorar. A solución non está en botar todo abaixo para que non se faga nada. O que máis beneficia á xente e ao país é sentar arredor da mesa, falar, e traballar para que se mellore o que ainda falta por mellorar, que ao meu xuizo é o seguinte:
1) Que non se asfalte a montaña a partir dos 1100m. O plano actual propón asfaltar unha estrada que permitiría o acceso de automóviles e autocares ao corazón de Trevinca, pasando diante das dúas lagoas de alta montaña que temos en Galicia, a Lagoa de Ocelo e a Lagoa da Serpe, e terminando nun grande parking no máis alto da serra. Isto non é correcto. Primeiro, porque hai outros xeitos de acceder á montaña sen ter que utilizar o coche. Segundo, porque a política de asfaltar ata as cunetas é un progreso mal entendido, é cousa do pasado. Hai varias alternativas, unha delas é conectar a base da estación co dominio esquiable por funicular ou tren de montaña. Estamos a falar dun activo turístico explotable durante todo o ano e utilizado en moitas estacións de Europa. Como ben sabe o leitor, o camiño de ferro é o medio de transporte máis ecolóxico que existe. Os promotores están dispostos a estudar isto e velaquí temos outra oportunidade para dar un paso adiante na dirección correcta.
2) A zona residencial da estación debe estar n’A Ponte, no val do Xares. Maior beneficio social, maior repercusión económica para a zona, maior respecto medioambiental, e maior aforro para a estación. Isto na industria do esquí chámanse “estacións de primeira xeración”: vellas aldeas de montaña que se desenvolveron grazas ao turismo de inverno e de verao.
3) Que non se poñan os remontes sobre o pico de Pena Trevinca. O plano actual pretende chantar remontes sobre o pico de Pena Trevinca. As cimas de Pena Trevinca e Pena Negra deben continuar a ser símbolos naturais de Galicia. Instalar remontes mecánicos sobre os picos máis altos de Galicia sería como permitir o tráfico diante da Catedral de Santiago ou instalar un parque temático do fin do mundo sobre o Cabo Fisterra. Temos outros picos de altitude superior aos 2000 metros. Pódese esquiar a 2000m na serra de Trevinca, sen necesidade de chantar remontes sobre Pena Trevinca. Sitúese a zona esquiable entre a Xurbia e o Alto do Torno. Son zonas altas, mantein ben a neve, non son visibles desde Pena Trevinca, e ademáis, o plano actual xa prevé remontes aló, por tanto non se introduce nada novo. Aquí está outra oportunidade para dar un paso adiante na dirección correcta.
4) Fágase un estudo serio e profisional no que cadren as contas. Búsquese a rendabilidade do proxecto, porque a hai. Outras estacións similares a Trevinca están a facer cartos. Búsquese o negocio.
5) Empécese a estudar a cuestión inmobiliaria, porque ata o de agora falouse únicamente de esquiadores e estradas, mais non se sabe nada de onde e cómo vai durmir toda esa xente, e onde exactamente van a estar localizados os servizos turísticos. Moitos de nós estaríamos menos inquedos se soubéramos que o concello ten un plano de ordenamento na serra que non permita odas ao feísmo ou construccións urbanas de tres ou máis andares.
6) Abrase o proxecto a consulta pública, escúitese a todo o mundo, e búsquese o maior consenso posible. Numerosos apoios e boa publicidade avalan un bon produto e atraen clientes.
Unha estación de montaña no parque nacional de Pena Trevinca? Certamente si. Sentemos a falar e poñámonos a traballar.
---
Anxo Abelaira é consultor freelance en márketing e técnico en empresas turísticas, con experiencia profisional en varias estacións de esquí dos alpes e pirineos.
Este artigo foi previamente publicado no seu website de opinión sobre o proxecto de estación de montaña en Pena Trevinca, www.trevinca.info