Manzaneda Estación Invernal SA (MEISA) volta aos titulares cunha nova crise desas ás que nos ten tristemente afeitos. As dificultades económicas de MEISA son endémicas, típicas, mais o que desta vez nos chama a atención é a posibilidade real de que o seu principal accionista, a
Xunta de Galicia, acenda por fin as luces e anuncie: “xa está ben”.
Os que temos Manzaneda no corazón aplaudiríamos que, por primeira vez en dúas décadas, a administración pública galega e propietaria de MEISA puxese orde nesa casa onde durante tantos anos levan imperando formas e fondos pouco compatibles coa eficiencia empresarial.
Se queremos que MEISA viva do seu traballo, e non dos impostos de todos os contribuintes, a necesaria diagnose e solución dos males desta empresa deberá pasar por:
1) Manzaneda é unha estación de montaña de baixa altitude
Como estación de esquí, a ver se por fin caemos na conta de que Manzaneda sempre foi, por mor da súa altitude e condición atlántica, unha estación de baixa altitude. O típico inverno de Manzaneda sempre alternou días brancos con días verdes de choiva ou sol. O esquí na Serra de Queixa sempre foi irregular.
Non se pode pretender que Manzaneda compita nunha liga que non é a súa. Desde a pasada década, alomenos unha ducia de congresos internacionais da industria do esquí levan concluindo que as estacións deben equilibrar o seu parque de remontes e diversificar o seu negocio reorientándose como centros de turismo verde activo.
No entanto, nestes lares, too little, too late. Demasiado pouco, porque non abonda con querer facer uns cartiños extras con bicis de montaña ou minigolf se detrás non existe un marketing axeitado que saia a vender a oferta da estación. Demasiado tarde, porque mentres a industria do esquí estaba a urxir de axustarse a dominios esquiables realistas, en Manzaneda fuxíase para adiante expandindo un custosísimo parque de remontes, e por riba sen contar sequer cunha previa superficie de neve artificial.
O cliente que queira unha semana de esquí vai reservar a súa vacación nos Pirineos ou nos Alpes, non en Manzaneda. Manzaneda debe asumir o seu sitio no mercado como o que é: unha estación de baixa altitude, de clientela maiormente debutante e de proximidade. Isto implica organizar, optimizar, un parque de remontes realista sobre un dominio esquiable fácil e produtivo que maximice os poucos días e centímetros de neve da tempada. Nen se pode seguir mantendo remontes en lugares improdutivos que apenas abren unha semana ao ano, como o d’Os Corzos, nen se deben proxectar planos ilusorios de neve artificial pouco acordes co que é Manzaneda: unha estación de baixa altitude.
2) Xestión de MEISA desde a competencia e a transparencia
Unha boa xestión pode facer viables empresas que sobreviven en mercados difíciles, e unha mala xestión pode levar á ruina a calquer empresa sólida e competitiva.
MEISA debe ser xestionada, como calquer empresa eficiente, por un cadro técnico competente e cualificado, que asuma que unha sociedade financiada cos nosos impostos debe ser xestionada coa máxima transparencia e responsabilidade. MEISA debería deixar de ser moeda de pago político onde os xestores son colocados por ser do mesmo partido do goberno de turno, máis que por unha experiencia profisional relacionada coa industria do turismo de montaña.
A transparencia na xestión dunha sociedade financiada cos nosos impostos é vital para que MEISA sexa levada con responsabilidade e control. O contribuinte non concordaría con despilfarros como que unha pequena estación deslocalice oficina e empregados a 80km do centro de producción, ou que -con perdas económicas millonarias- haxa algún salario de case cen mil euros anuais.
É igualmente preciso un cambio na cultura de empresa de MEISA. A súa tradicional confianza na teta pública (“A
Xunta xa nos dará máis cartos”) misturada cunha certa mentalidade de monopolio (“Somos a única estación de Galicia”) resultou nun pasotismo comercial improprio dunha empresa do sector turístico. MEISA debe aprender que os clientes non caen do ceo e que Manzaneda só é unha estación máis das cinco que hai na Gallaecia económica. O cliente vai preferir pasar o día onde sexa recibido cun sorriso na cara, onde os accesos estén limpos a primeira hora da mañá, ou onde non se lle minta no parte de esquí, e chegar antes por autovía a Leitariegos ou Morredeiro que a Manzaneda fai a escolla ainda moito máis fácil.
A demanda hai que estimulala e o cliente hai que traballalo, gañalo, fidelizalo. Ignorar ao cliente e facer ouvidos xordos ás queixas, en vez de escoitalas e traballar para amañalas, pode explicar por qué Manzaneda é a única estación española que conta cun clube internet de clientes e ex-clientes cabreados. Esta desmotivación exterior afecta tamén aos traballadores da propria empresa, e isto repercute na produtividade da compañía. Cando nunha empresa como MEISA entran e saen seis directores de hostelería en tan só catro anos é que algo realmente non funciona ben. A falta de motivación e o desánimo entre o personal debería ser substituído por unha cultura baseada en mudar as cousas para mellor, e isto é responsabilidade dun cadro de xestión competente, capacitado, con ganas de traballar e con capacidade de motivar.
Recurrindo ao vello tópico, se Manzaneda estivese en Austria, Alemaña ou Escandinavia, sería un orgulloso e dinámico referente turístico comarcal. Eiquí, Manzaneda é unha barca á que non se lle repararon ben as vías de auga e agora témola medio afundida. E ainda así, Manzaneda segue a ser unha empresa vital na súa comarca, un motor dinamizador de centos de empregos secundarios. Eu sosteño que esa estación, cunha xestión moderna e competente, ten recursos de abondo para vivir do seu proprio traballo e non dos cartos dos contribuintes.
Ainda que son moitos anos vendo como se aplica parche sobre parche, esperemos que esta nova crise de MEISA actúe como catalizador para que saibamos por fin se desta vez os tempos son chegados para Manzaneda, ou se pola contra, continuamos con aquelo de “entre todos la matamos y ella sola se murió”.