 |
A directora xeral de Relacións Laborais, Pilar Cancela, participou nas “V Xornadas sobre acoso moral no traballo: a muller e o mobbing”. |
XORNAL I Santiago .- Pilar Cancela afirmou que os factores psicosociais non poden considerarse elementos secundarios ou complementarios da seguridade e saúde laboral, xa que “son factores substantivos, e cada vez o serán máis pola crecente importancia dos factores de organización na estrutura actual do traballo”. Por iso, apuntou que a busca de eficiencia, o control do custo, e a insistencia na calidade dos produtos son problemas que non van a incidir na aminoración do mobbing, “senón ao contrario”, advertiu a directora xeral.
Cancela Rodríguez declarou que a Unión Europea definiu este fenómeno como “comportamento negativo entre compañeiros ou entre superiores ou inferiores xerárquicos, con motivo do cal o afectado é obxecto de acoso ou ataque sistemático durante moito tempo, de maneira directa ou indirecta, por parte dunha ou de máis persoas, co obxectivo ou efecto de facerlle o baleiro”.
Asemade, engadiu que dentro desta patoloxía atópase o burnout, que se define por “o estar ou sentirse queimado, o que presupón un conxunto de síntomas, como a desmoralización, esgotamento ou desgaste profesional debido a unha demanda excesiva de rendemento laboral”.
Cancela declarou que a consecuencia destas patoloxías, “o 16% das enfermidades cardiovasculares dos homes e o 22% das mulleres están relacionadas con situacións de estrés no traballo”. Ademais, tamén conlevan uns custos económicos importantes, xa que “entre o 50 e o 60% do absentismo laboral está provocado por situacións de estres”, apuntou a representante de Traballo.
A directora xeral afirmou que o entorno laboral e as condicións nas que se desenvolve o traballo deberían ser un campo de atención especial por parte dos técnicos de prevención, xa que normalmente “esquécese que ese traballo está desenvolvido por persoas con capacidades, con motivacións e cunhas expectativas”.
Cancela mostrou a súa satisfacción pola organización de “xornadas coma esta”, pois supoñen puntos de encontro que contribúen de xeito decisivo contra os efectos do mobbing.
Para concluír, Cancela indicou que estamos ante un proceso cunha complexidade evidente, pois ademais de non existir no noso ordenamento xurídico un tratamento específico destes supostos psicosociais, “os casos de mobbing son sutís e cunha carga e imprecisión que fai difícil a súa concreción, avaliación e operativización”.