XORNAL I Pontevedra.- Recoñecer a diversidade nos seres humanos como algo natural fronte a suposta homoxeneidade construída culturalmente, segue a ser un reto da cidadanía, non vetar as diferenzas segue a ser un exercicio da máis auténtica tolerancia, de verdadeira democracia.
A XXIV Semana Galega de Filosofía abordará o tema nas sesións de mañá, tarde e noite, baixo os epígrafes Pensando as diferenzas, Diferenzas aquí e agora e Diferenzas Vetadas. A poucos días de comezar o encontro, hai máis de 1.000 participantes inscritos. Esta receptividade é unha boa proba do grande interese que esperta o tema proposto nesta edición da veterana cita. Aínda o luns 9 de abril, primeira xornada de sesións, será posible inscribirse no Auditorio de
Caixanova en Pontevedra.
PENSAR AS DIFERENZAS.- Son cinco ponencias, en horario de mañá, que queren ofrecer as explicacións que aporta a Filosofía neste eido. Dende a consideración da igualdade como eixo do desenvolvemento da cidadanía na modernidade, “pensar a diferenza” é un dos retos máis relevantes do pensamento contemporáneo. A teoría feminista, o pensamento débil da postmodernidade, a transmodernidade ou as aportacións da metafísica serán abordadas polos intelectuais Gianni Vattimo, Ángel Gabilondo, Fina Birulés, Rosa Mª Rodríguez Magda e Vicenç Navarro.
AS DIFERENZAS AQUÍ E AGORA.- Ocuparán as sesións de tarde (17.00-19.30, o día 12 de 16.30 a 18.30). Dende unha perspectiva de proximidade, son unha aportación a pensar o noso, o próximo, a realidade galega. A nosa identidade como realidade diferenciada doutras realidades será valorada por xestores de urbanismo (Xosé M. Tato, Juan L. Dalda) e escritores (Darío Xoán Cabana, Anxo Angueira). Ignacio Salazar exporá a experiencia personal da discapacidade como una expresión da diversidade. Cuestionando a consideración de diferente, Jurjo Torres incidirá na construcción-reproducción das desigualdades no sistema educativo, tamén en Galicia. E como achegamento ao mundo artístico, Leo Bassi e Iván Prado representarán o espectáculo Acción na diferenza: Bufón e sociedade.
DIFERENZAS VETADAS.- As sesións de noite (20.00-22.00, día 12 de 19.30 a 21.15) dedicaranse ao mundo da política, a arte e a literatura. Heinz Dieterich aproximarase aos novos modelos de “Socialismo do século XXI” que representa Hugo Chaves en Venezuela e Rafael Correa en Ecuador ou o “Socialismo comunitario” de Evo Morales, o presidente boliviano que hai tres anos participou na Semana Galega de Filosofía. O comisario de arte Xavier Araquistáin falará das dificultades que aínda quedan por subsanar no mundo da arte contemporánea para equiparar a presenza de artistas femininas ou o tratamento da identidade. A crítica literaria Helena González salientará, pola súa parte, a grande diferenza entre o contexto no que se desenvolven as nosas mulleres literatas e as de literaturas próximas.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e mailo presidente da Aula Castelao de Filosofía, Xulio Leal, inaugurarán as sesións o luns 9 de abril ás 10.30 horas no Auditorio de
Caixanova. Ó acto inaugural asistirán representantes das entidades colaboradoras da Semana Galega de Filosofía como a Vicerreitora de Extensión Universitaria da Universidade de Vigo, o Subdirector Xeral de
Caixanova, o Decano do Colexio de Avogados de Pontevedra e o Director do Parador Nacional “Casa do Barón” de Pontevedra.
A continuación intervirá o sociólogo Vicenç Navarro co relatorio “Nación vs. Nacións na era da globalización”. Pola tarde, a partir das 17.00 horas, correspóndelle falar ós expertos en urbanismo Xosé Manuel Tato Camino e Juan Luís Dalda Escudero e, xa na sesión de noite, terá a palabra o sociólogo Daniel Pino, actual Director Xeral do Instituto da Vivenda e Solo da Consellería de Vivenda.