Xornal de Galicia é xa un medio disposto a aportar información con criterio e calidade, en clave galega. Nace con vocación plural e independente e ten entre os seus principios fundacionais a defensa dos intereses de Galicia. O diario tamén nace como un medio aberto ás distintas sensibilidades presentes na sociedade galega, nas que observa con atención perspectivas galeguistas e progresistas que, se cadra, precisan ter máis proxección da que teñen.
A aparición dun novo xornal ten que ser sempre motivo de alegría para a sociedade que o acolle. En primeiro lugar porque é síntoma da vitalidade e do optimismo da propia sociedade, do rebulir de ideas e responde á necesidade dun novo escenario onde representar os proxectos, iniciativas e a realidade común. En segundo lugar porque un xornal é sempre non só o espello que nos reflicte, senón a ventá aberta a todos os camiños que nos conectan ao mundo.
No momento actual poderiamos dicir que se auguran profundos cambios debidos tanto á grave crise do modelo económico vixente como á evolución dos hábitos informativos da sociedade, fenómeno este último que ten que ver coa revolución que supuxo a xeneralización de internet. Desde hai un tempo fálase da tendencia á baixa da prensa impresa, do peche de xornais, dos expedientes de regulación de emprego, dos enormes custos que ten o mantemento da prensa en papel, etc. e tamén da aposta por parte das grandes empresas polas posibilidades publicitarias que ofrece internet e, polo tanto, do futuro esplendoroso que se agarda nas próximas décadas para os formatos informativos na web.
Xornal de Galicia aposta sen ambigüidades por desenvolver un proxecto no que se lle dea a mesma importancia ao clásico formato de papel e ao formato on-line, procurando a interconexión entre ambos e evitando que ningún deles estea subordinado ao outro. Con estas dúas presentacións,
Xornal de Galicia quere ir cos tempos e ofrecer aos seus lectores tanto a inmediatez e posibilidades de participación dos medios on-line, como tamén a madurez e a calma do tradicional periódico impreso, que polos seus condicionamentos físicos leva implícita unha maior capacidade de análise e reflexión.
En internet, o diario dixital de
Xornal de Galicia será
Xornal.com, que precisamente, un día como hoxe de 1999 asomábase por primeira vez a ós seus lectores desde a rede. O xornalista
José Luis Gómez, director deste medio, integrá así o seu periódico no novo proxecto editorial.
Xornal de Galicia asume o compromiso con Galicia, coa democracia e a liberdade de expresión, cos dereitos humanos, cos dereitos das minorías e da infancia. Quere servir á cidadanía ofrecendo unha información veraz e contrastada, favorecendo o debate de ideas nas nosas seccións de opinión, co obxecto de permitir que o lector poida formar unha visión propia sobre o que acontece na sociedade. Diferenciará en todo momento a opinión da publicidade e da información, tentando que esta sexa honesta e útil, acompañada, mais non confundida, coa análise profunda e o comentario. Con criterio.
O papel da prensa na constitución dunha sociedade democrática é facer posíbel o debate político e a libre circulación de ideas. Se por unha banda é innegábel que a democracia trouxo un grao de desenvolvemento social e económico que nos sitúa no mundo avanzado, tamén hai estar alerta polas consecuencias da concentración de poder da industria cultural e informativa froito da globalización. A uniformidade ideolóxica e cultural está a un paso, co perigo de que todo o que se afaste minimamente da ortodoxia uniformizadora sexa percibido como marxinal e mesmo condenado á inexistencia. Cómpre, polo tanto, facer o posíbel por manter canles de comunicación propias, cercanas e independentes, que saiban interpretar a nosa realidade inmediata e situala no contexto internacional deste complexo mundo que nos tocou vivir.
Estamos convencidos de que Galicia necesita nas actuais circunstancias históricas uns medios de comunicación propios e independentes, que saiban reflectir a riqueza e o enorme potencial social, económico e cultural que posúe. Uns medios que actúen como elemento cohesionador das diferentes posicións e sensibilidades ideolóxicas, que estean abertos a todos, mais sabendo manter o obxectivo primordial, isto é, a defensa dos intereses xerais do país, dos seus sectores produtivos, do seu progreso social, da súa cultura e da súa lingua.
Xornal de Galicia esforzarase en reflectir nas súas páxinas a pulsión evolutiva da sociedade e en dar visibilidade a todas aquelas iniciativas que supoñan un paso adiante para a comunidade: na difusión da cultura propia, na educación, no aproveitamento e conservación do territorio, na cohesión e o benestar social e no desenvolvemento dos sectores produtivos e financeiros. Para que isto sexa posíbel cómpre crer nas posibilidades do país, sentir e transmitir orgullo do que somos -do noso devir histórico, da nosa lingua e da nosa cultura singular- sen renunciar a manter un espírito crítico que axude a construír un futuro de progreso.
Todos cantos integramos este proxecto estamos convencidos de compartir cunha gran maioría de persoas desta terra un profundo sentimento de respecto polo noso pasado e a nosa tradición cultural xunto coa esperanza no futuro. É o noso desexo dirixírmonos a un público amplo e diverso en canto á xeración, á ideoloxía e aos intereses culturais, porque a nosa intención non é outra que propiciar o diálogo e o debate desde o respecto para convertérmonos en canle de expresión das inquedanzas e da evolución da sociedade galega do século XXI.