 |
| A calidade do sistema educativo |
José Alberto García Suárez
|
| Miércoles, 14 de enero de 2009 |
|
Nun recente artigo, nestas mesmas páxinas, sobre a calidade do sistema educativo, consideraba o autor –Manuel Dios– que “dedicamos moitas horas, días e anos, de escolaridade obrigatoria, a ensinarlle aos nosos alumnos e alumnas a resolver complexísimos problemas matemáticos, físicos, químicos..., contidos, sen dúbida moi útiles e necesarios. Sen embargo ocupamos moi pouco tempo en aprenderlles a resolver os seus propios problemas persoais e os de relación cos iguais”.
A verdade é que no actual Ensino Secundario Obrigatorio, os profesores de matemáticas, física e química apenas poden dedicar tempo á resolución de problemas, non xa “complexísimos”, ou “complexos” sen máis, senon que merezan o nome de tales por se saírse minimamente da aplicación rutinaria de fórmulas memorizadas. En parte pola razón coxuntural de que, con demasiada frecuencia, os profesores destas ou de calquera materia, deben ocupar o seu tempo en intentar conseguir que alumnos non xa desmotivados (que sempre houbo), senón insubmisos activos á escolarización, non resolvan “os seus propios problemas persoais ou de relación cos iguais” mediante o boicoteo do desenvolvemento da clase. Pero fundamentalmente, por razóns intrínsecas ancoradas no modelo mediante o cal a Lei Xeral de Educación de 1971 estabeleceu o ensino obrigatorio até os 14 anos, retrasando o inicio do bacharelato en 4 anos, e deixando “da noite para a mañá” en mans de profesorado sen formación matemática e científica específica a responsabilidade dese período esencial no que se deben introducir os alicerces para o coñecemento dunha materia que se estrutura por asentamento acumulativo. A Administración Educativa nunca fixo nada para correxir este despropósito, aínda que fose con retraso e escalonadamente, mediante a incorporación das novas promocións de profesores. E cando se discutía a nova extensión da obrigatoriedade até os 16 anos que culminou na LOGSE, e o profesor Miguel de Guzmán advertía desde o seu cargo de presidente da sección de educación da Unión Matemática Internacional, do feito de ser o noso profesorado de Primaria, entre os dos países da OCDE, o que peor formación matemática acada nos seus estudos (cunha media de só o 7% do curriculum dedicado a esta materia), seguíu sen facer nada a este respecto, nin a respecto da necesaria reciclaxe que para o profesorado de Secundaria debería supor a aposta metodolóxica na liña constructivista que se recollía no decreto de ensinanzas mínimas de Matemáticas para a ESO: “É necesario relacionar os contidos de aprendizaxe das Matemáticas coa experiencia de alumnos e alumnas, así como presentalos e ensinalos nun contexto de resolución de problemas e de contraste de puntos de vista nesta resolución...”, soflama destinada a converterse en papel mollado antes de nacer.
O último paso da administración educativa foi asumir sen complexos que os profesores de matemáticas, física e química xá non están para ensinar a resolver problemas da súa materia, e eliminar sen máis das oposicións para o seu ingreso no corpo de profesores de instituto o exame de problemas, obviando que constitúen a esencia metodolóxica das materias científicas e, tradicionalmente, a proba eliminatoria clave da oposición.
Claro que, en realidade, a consellería de Educación o que menos valora da actividade dun profesor é a dedicación a preparar e ensinar a materia da que é especialista, sexa incluindo resolución de problemas ou non. Xúlguense se non os surrealistas criterios cos que acaba de fallar o concurso de acceso a cátedras entre profesores numerarios de instituto: Por primeira vez nun concurso destas características –e en contra do especificado nas suas propias bases– os tribunais non os integraron especialistas nas respectivas materias; e o baremo só asignaba un máximo de 1.5 puntos polas publicacións e as participacións en proxectos de actualización de carácter científico e didáctico, fronte aos 2.5 puntos por ter ocupado cargos directivos ou administrativos –que implican menor ou nula dedicación á docencia–, e aos 3 puntos por asistencia (sen necesidade de acreditar adquisición de competencia algunha) a uns “cursos de formación” que tamén as bases especificaban que deberían versar sobre actualización científica e didáctica, pero dos que, a modo de exemplo entre as moreas dos do mesmo estilo que poden atoparse, citarei algúns dos que lle foron baremados a concursantes que accederon á cátedra de matemáticas: “Educación para la salud en toxicomanías”, “Curso de prevención de drogodependencias”, “Primeros auxilios en el centro”, ou “Tempo libre: descanso, diversión e desenvolvemento persoal e social”.
Sorprende que os sindicatos de profesores non se teñan pronunciado até agora sobre estes criterios que está a aplicar a consellería de Educación para avaliar a traxectoria profesional do profesorado. E sería conveniente –até diría que necesario– coñecer a súa opinión, máis que nada para ir sabendo se os méritos para esa “carreira docente” que ao parecer desde hai tempo levan negociando con ela e co ministerio, poderían consistir en pór tiritas aos alumnos, ou facerlles de “animador cultural” para evitarlles o aburrimento e a frustración a aqueles obrigados a permanecer nas aulas “por imperativo legal” con todas as materias pendentes.
De paso, tamén poderían opinar sobre outras “ocorrencias”, sen precedentes en anteriores convocatorias, como a de manipular a baremación dos cursos mediante a subdivisión segundo a duración en dous lotes puntuados por separado, que deu orixe á extendida sospeita nos claustros de todos os institutos galegos, de presunta utilización de información privilexiada por parte dalguns dos concursantes que accederon á cátedra, apoiada en casos como o de quen durante os cuarenta días compredidos entre os vinte precedentes e os vinte seguintes á publicación no DOG da convocatoria do concurso, realizou, para completar a puntuación dun dos citados lotes, catro cursos de 110 horas cada un –simultaneados de dous en dous–, a unha media de once horas diarias incluindo sábados e domingos, o que lle supuso facer case o dobre de número de horas neses días que o total das anteriormente sumadas por ese concepto nos catorce anteriores anos.
---
José Alberto García Suárez é profesor de matemáticas do IES Eduardo Pondal e da Faculdade de Económicas da Universidade de Santiago de Compostela.
|
|
|
| Términos de uso |
|
Esta página publica todo tipo de opiniones, réplicas y sugerencias de interés
general, siempre que sean respetuosas hacia las personas e instituciones. |
| Se aconseja un máximo de 15 líneas, que podrán ser extractadas por nuestra
Redacción. |
Los autores deben hacer constar: nombre y apellidos, y e-mail.
Aquellos textos que no se ajusten a estos criterios podrán ser retirados de la
web. |
|
|
|
 |
ENVIAR A |
|
|
|
|
|
|
|
|
Nota: es posible que tengas que estar registrado y autentificado en estos servicios para poder anotar el contenido correctamente |
|
|